Continúa a viaxe en bicicleta cara a Dinamarca contra o peche de Vestas
Hoxe fai unha semana que un traballador de Vestas pedalea cara a Dinamarca para pedirlle á multinacional danesa que non peche a factoría de turbinas eólicas de Viveiro. Alejandro Paleo está a cubrir en bicicleta eses 2.800 quilómetros en nome dos 115 empregados que quedarían sen traballo.
Alejandro arrancou arroupado por ducias de persoas, e no camiño conta tamén ás veces co apoio doutros ciclistas e amigos, pero xa acumula centos de quilómetros en soidade. "Empezo a acumular algo de cansazo e vólvese un máis sensible. Xa lles pedín unha aperta aos compañeiros", asegura.
É por todos eles polos que saca forzas para seguir adiante. Insiste en que a defensa dos seus postos de traballo é unha cuestión de xustiza. "Vanse crear moitos parques eólicos e non é xusto encher os nosos montes de eólicos sen haber unha fábrica en que produzamos eólicos", explica.
Cada día que pasa veo como un día menos de bicicleta cara a Dinamarca, pero tamén como un día menos para a negociación, polo que pide apoio para que se pare o ERE. "Pedimos que todos os partidos políticos, Xunta e Goberno de España se unan na mesma dirección, propoñan ideas e as leven a cabo. Hai que darlle a volta á tortilla", subliña.
El seguirá enriba da bici ata darlles en man aos directivos de Vestas a petición dos 115 traballadores de Viveiro contra o peche da factoría. "Seguimos pedaleando e queremos darlles as grazas a todos os que nos apoian neste proxecto", conclúe.