CRTVG

Buscar

Valga decreta tres días de loito polo crime machista

Publicado o 11/03/2019 21:23

Valga continúa baixo o impacto do crime machista deste domingo. Esta tarde celebrouse unha concentración de repulsa. É o colectivo feminista de aquí de Valga O refaixo de Carolina o que convocou esta concentración como repulsa ao asasinato dunha das veciñas da vila. A concentración estraba convocada ás 8 da tarde nesta praza de Valga e a ela acudiron moitos veciños que quixeron, deste xeito, mostrar a súa solidariedade coa familia da vítima e tamén protestar contra este crime machista. 

María Xosé, de 43 anos, é a primeira vítima mortal da violencia machista en Galicia este ano. O seu marido, Javier Bello, de 46, asasinouna, presuntamente, na casa onde vivían en Bronllo, no concello pontevedrés de Valga. Disparoulle un tiro no peito cunha escopeta para a que tiña licenza porque era cazador e logo pegouse un tiro na cabeza. Un dos dous fillos do matrimonio atopou os cadáveres contra as tres e media da tarde do domingo. Na casa familiar, os pais e os fillos de María Xosé reciben as condolencias dos seus achegados e a asistencia dos psicólogos. Este asasinato causou unha fonda conmoción.

O Concello decretou 3 días de loito oficial en que se suspenden as actividades municipais e as bandeiras ondean a media hasta. Houbo unha concentración de condena da violencia machista ás portas da casa consistorial, onde aínda pendura o cartel instalado con motivo do 8-M.

O ano pasado morreron tres mulleres en Galicia vítimas da violencia machista. Con María Xosé, xa son 59 as mulleres asasinadas en Galicia desde 2003, cando empezaron a contabilizarse oficialmente as vítimas da violencia de xénero.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/03/2019