CRTVG

Buscar

Continúa a busca dos dous mozos desaparecidos en Porto do Son

Publicado o 10/07/2020 14:37

Despois de catro días de busca, os efectivos do operativo diminúen. A Garda Civil por terra percorre os cantís e zonas de costa como tamén o fan os efectivos de Protección Civil e a Policía Autonómica en horarios consecutivos para non coincidir e facer a maior cobertura posible ao longo do día da costa dende Baroña a Portosín. Salvamento Marítimo está avisando por radio a todas as embarcacións que pasan preto do faro de Cabeiro para que extremen a vixilancia e informen de calquera incidencia ou avistamento de indicios que lles poidan levar os corpos dos dous mozos desaparecidos.

Emilio Queiruga, patrón maior de Porto do Son: "A rapaza estaba aí cando a colleron ese é o cantil. E démoslle todo por aquí, centramos a busca aquí. Eu creo que coincidimos todos en que dende a Filgueira, dende a punta de Aguieira, que foi a última vez que os viron ata aquí. E claro non temos referencia ningunha de onde se producíu o accidente".

"Ti se os viches cando viñeches largar as nasas por aí pola zona da coruñesa e a moza vén dar aquí que foi onde a recolleron, o máis probable é que o accidente fose aí por esa zona. Nordeste fresco e baixaba o mar e a corriente, iría un pouco a favor para dar na costa. E a canoa aparece aí preto da Filgueira o vento levaríao para alá é o máis probable", di un mariñeiro.

Se non se atoparan novas pegadas antes do mércores, os profesionais do mar da zona din que sairán todos, o noveno día despois do accidente. A familia dos dous mozos desaparecidos deu o seu agradecemento a todos os que participan nas tarefas de rastrexo polo esforzo que están a facer para atopalos. Amosaron o seu desexo de que aparezan os corpos para poder pasar páxina.

Noticias web

10/07/2020