CRTVG

Buscar

Continúa a busca dos cinco desaparecidos polo temporal en Cataluña

Publicado o 24/10/2019 14:54

Cataluña trata pouco a pouco de recuperarse do forte episodio de gota fría que afectou este mércores boa parte do seu territorio. A Generalitat declarou a emerxencia inmediata nas zonas máis afectadas polas chuvias e riadas.

Ese é o caso da comarca da Conca do Barberá, no interrior de Tarragona, onde coas primeiras horas do día se retomaron os traballos de busca das cinco persoas arrastradas pola enchente do río Francolí.

Dúas delas, unha muller de 69 anos e o seu fillo de 40, vivían nun bungaló que apareceu augas abaixo da súa localización orixinal.

Outras dúas persoas, de 72 e 73 anos, viaxaban nun vehículo arrastrado pola auga en L' Espluga de Francolí, a zona cero das riadas.

O quinto desaparecido é un camioneiro belga sorpendido pola riada nesta mesma localidade tarraconense.

Paralelamente aos rastrexos, continúa a retidada das pedras, árbores, coches e todo tipo de obxectos arrastrados polas augas que dificultan o acceso nalgunhas zonas.

O Goberno da Generalitat e o Concello barcelonés homenaxearon as vítimas do temporal cun minuto de silencio, que se repetiu noutras moitas localidades catalás.

Noticias web

24/10/2019