CRTVG

Buscar

Continúa a busca do home que matou unha muller na rúa en Madrid

Publicado o 27/02/2020 20:28

A muller asasinada tiña 40 anos, unha parella e catro fillas no Paraguai. Este mércores pola noite un home corpulento e vestido de negro disparoulle na cabeza en plena rúa do distrito madrileño de Ciudad Lineal. Unha irmá da vítima conta que aínda están conmocionados.

A muller quedou tendida no chan, cunha ferida por arma de fogo na cabeza, con orificio de entrada pero non de saída. Cando chegaron os equipos de emerxencias estaba en parada cardiorrespiratoria.

A voceira da Policía Municipal di que conseguiron sacala da parada cardiorrespiratoria aos poucos minutos, trasladárona en estado moi grave ao hospital Gregorio Marañón e durante ese traslado, "a vítima volve entrar en parada cardriorrespiratoria e de novo o Samur consegue reverter a parada e ingresa no hospital".

Pero morreu pouco despois debido á gravidade das feridas. O cadáver foi trasladado ao Instituto Anatómico Forense para facerlle a autopsia. A policía está buscando o asasino.

Os investigadores non descartan ningunha hipótese. Algunhas fontes aseguran que a muller asasinada traballaba nun club outra zona de Madrid e que o sospeitoso podería ser un home que acudía habitualmente ao local.

Noticias web

27/02/2020