Continúa a busca de Romina en Lanzarote e o seu home di que tirou o corpo ao mar
Publicado o 15/01/2019 08:47
Continúa en Lanzarote a busca de Romina Celeste Núñez, a moza de 25 anos, de nacionalidade paraguaia, desaparecida desde a pasada Noitevella. O seu home, un español de 42 anos, que tardou unha semana en denunciar a desaparición, permanece detido. Confesou que atopou o cadáver e que o tirou ao mar, pero nega que el fose o responsable da morte.
A vivenda onde ambos residían está precintada mentres a Garda Civil continúa coas investigacións, abordadas desde a perspectiva dun suposto homicidio. Está previsto que o home pase a disposición xudicial mañá, nun xulgado especializado en violencia machista.