CRTVG

Buscar

Segue á baixa a incidencia da covid-19 en España, pero aínda aumentan as mortes

Publicado o 23/11/2020 18:43

• O Ministerio notificou 25.795 novos casos durante a fin de semana

• No informe deste luns engadíronse 512 novos falecementos

As comunidades autónomas notificaron este luns ao Ministerio de Sanidade 25.886 novos casos de covid-19 durante a fin de semana, 2.344 deles diagnosticados nas últimas 24 horas.

Isto supón unha cifra moi inferior con respecto aos 38.273 da fin de semana anterior.

A cifra global de contaxios en España elévase xa a 1.582.616 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 374, fronte a 419 o venres e 470 o luns pasado, cun total de 176.123 positivos nas pasadas dúas semanas.

No informe deste luns engadíronse 512 novos falecementos, en comparación cos 328 do venres e 484 do luns pasado.

Na última semana faleceron 1.067 persoas con diagnóstico de covid-19 positivo confirmado en España e ata 43.131 desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recollidos polo Ministerio.

Actualmente, hai 17.695 pacientes ingresados por covid-19 en toda España (17.963 o venres) e 2.922 en UCI (3.054 o venres).

Nas últimas 24 horas producíronse 1.147 ingresos (1.643 o venres) e 812 altas (2.099 o venres).

A taxa de camas ocupadas por coronavirus sitúase xa no 14,26% (14,52% o venres) e nas UCI no 29,98% (31,02% o venres).

España realizou xa máis de 17,2 millóns de probas diagnósticas

Por outra banda, o Ministerio de Sanidade informou este luns de que España xa realizou máis de 17,2 millóns de probas diagnósticas desde o inicio da epidemia pola covid-19.

As comunidades autónomas notificaron ao Ministerio que, ata o 19 de novembro, levaron a cabo un total de 17.249.511 probas. Destas, 15.614.262 son  PCR e 1.635.249 son test de antíxenos.

Na última semana, do 13 ao 19 de novembro, as comunidades autónomas realizaron un total de 726.277 PCR, unha media de 103.753 PCR ao día.

Ademais, neses oito días, as comunidades autónomas levaron a cabo un total de 301.710 test de antíxenos (43.101 de media diaria).

Aumenta así un 6% o número de probas diagnósticas realizadas, cunha taxa de 366,23 por cada 1.000 habitantes.

Progresivamente, segundo informa Sanidade, vanse desenvolvendo novas técnicas para o diagnóstico da infección por SARS- Cov2, como é o caso das probas rápidas de antíxenos que as Consellerías de Sanidade están a empezar a introducir na xestión da pandemia.