CRTVG

Buscar

Contaxiados oito usuarios dunha residencia de Culleredo tras o positivo dun traballador

Publicado o 16/08/2020 21:35

• A área da Coruña, que reúne máis do 60% dos casos de Galicia, comeza este luns o cribado con probas en Abegondo e Bergondo

Novos positivos na residencia de Culleredo onde este sábado había unha traballadora contaxiada. As probas realizadas deixan un balance de oito positivos entre os maiores, que residían na planta en que traballaba a profesional afectada. 

Á área da Coruña reúne o 70% das hospitalizacións en Galicia

Hoxe foron 78 casos activos máis e unha nova vítima mortal. Unha muller de 86 anos que tiña patoloxías previas e estaba ingresada na Complexo Hospitalario da Coruña. Elévase así a cifra de falecidos desde que comezou a pandemia a 625. Sería a segunda morte esta fin de semana trala rexistrada onte en Pontevedra dun home de 69 anos que viaxara desde Venezuela días atrás. 

O sesenta por cento de tódolos casos de Galicia danse agora mesmo na área sanitaria da Coruña-Cee, onde tamén está máis do 76 por cento de tódolos hospitalizados da nosa comunidade.

Segundo o Sergas, hai 78 casos activos máis ca onte. Deles, hai dous ingresados en UCI e 37 en planta. 

Segue subindo o número de casos na área sanitaria da Coruña e Cee.

A Consellería de Sanidade deu conta de 78 contaxios novos en 24 horas.

En total esta área suma 778 casos activos. Son un 60% dos rexistrados en toda Galicia.

Hai que lamentar ademais un falecemento. Unha muller de 86 anos que estaba ingresada no Chuac e que segundo comunica Sanidade presentaba patoloxías previas.

Aínda que a maior parte dos afectados pasan a corentena nas súas casas, tamén aumentaron os ingresos hospitalarios. Hai 39, oito máis que no último informe, e dúas persoas entraron en coidados intensivos.

Aumentan tamén os curados, con 16 altas novas.

Vemos nunha gráfica que representa os casos activos nas sete áreas sanitarias galegas como a área da Coruña volveu ás cifras do 30 de marzo.

Despois se encarreirar o primeiro gromo importante, o da Mariña, os casos na Coruña tomáronlle a dianteira ao resto. Multiplican case por seis os de Vigo e por máis de quince os de Ferrol.

Voces expertas din que o que está pasando na Coruña é máis complicado que a situación que se deu na Mariña porque hai máis poboación e porque o virus está máis disperso.

Insisten en que o fundamental é tomar conciencia e cumprir as normas.

• A área da Coruña comeza o cribado con probas en Abegondo e Bergondo

Este luns comeza na área da Coruña o cribado a colectivos especialmente expostos ou sensibles á enfermidade. De feito, xa se concederon as primeiras citas para realizar as probas nos concellos de Abegondo e Bergondo.

Serán mañá pola tarde e despois ao longo da semana continuarán noutros concellos da área sanitaria. Entre os colectivos aos que se lle realizarán estas probas estarían aquelas persoas incluídas no grupo de idade de entre 18 e 40 anos. O obxectivo final do cribado é localizar pacientes asintomáticos que poderían transmitir a enfermidade sen sabelo.
 

Noticias web

16/08/2020