CRTVG

Buscar

Contaxiados todos os residentes e o persoal dunha pequena residencia de Silleda

Publicado o 29/10/2020 14:29

A maior parte dos anciáns foron derivados ao Cegadi, habilitado para residentes con síntomas leves

Juan Manuel Frade é un dos traballadores do Fogar San Miguel, un pequeno xeriátrico familiar en Silleda onde os dez profesionais e os 18 residentes deron positivo por coronavirus. El está asintomático, pero abatido, e confinado nas propias instalacións, que tiveron que pechar.

Explícanos que están "mal, afectados pola situación e meus pais, que son os directores, están hospitalizados os dous... Onte demos positivo o resto dos traballadores e por ese feito leváronse aos residentes que estaban asintomáticos. O problema foi a tardanza nos resultados das PCR, foi o que propiciou esta situación".

Cinco dos anciáns, grandes dependentes, foron hospitalizados no hospital da Rosaleda, en Santiago, pero non presentan, ata agora, síntomas graves da enfermidade. Tampouco os 13 residentes restantes, que foron derivados ás instalacións do Cegadi, un centro de atención á dependencia reconvertido temporalmente a causa da pandemia e que atende os anciáns que se axusten a uns criterios determinados.

O director do Cegadi, Constantino Piñeiro, explica que teñen que ser "persoas cunha certa autonomía ou dependencia leve e que teñan un cadro clínico ou unha sintomatoloxía leve ou sexan directamente asintomáticos, ou sexa un recurso intermedio entre a propia residencia e o hospital".

Trátase, explican, de aliviar a presión asistencial nos hospitais e, sobre todo, nas residencias, con persoal tanto de Política Social como do Sergas, que vai incrementándose a medida que chegan máis persoas contaxiadas.

"Temos unha ocupación máxima de 60 persoas, e neste momento despois de tres días de apertura temos unha ocupación próxima ao 50 por cento. Temos 29 persoas, 13 do Fogar San Miguel, 9 da residencia de Ribadavia e 7 da de Boqueixón que foron os primeiros en chegar o domingo pola tarde", explica Piñeiro.

Os últimos en ingresar, onte á tarde, foron precisamente os do Fogar San Miguel, onde esperan poder reabrir o antes posible.

Noticias web

29/10/2020