CRTVG

Buscar

Conta atrás para o inicio da vacinación en Galicia

Publicado o 14/12/2020 15:24

A previsión é que a Axencia Europea do Medicamento aprobe o uso da vacina de Pfizer o día 29 de decembro. A partir de aí chegarán a España 140 millóns de doses.

Chegarán de maneira progresiva, así que, nesta primeira fase as vacinas distribuiranse entre os colectivos vulnerables. 

"Os que están en máis risco, as persoas con comorbilidade, as persoas maiores, son as que primeiro se teñen que vacinar", afirma o médico Pedro Rascado, membro do Comité Clínico. 

Aínda non se coñecen os detalles do plan de vacinación galego, pero xa se sabe que as primeiras doses se repartirán entre os maiores que viven en residencias.

Tampouco se sabe cantas doses van chegar aquí, pero piden que o reparto das vacinas entre as comunidades atenda á poboación de risco que teñen. 

"Creo que non debera supoñer ningún problema a repartición das vacinas, se se fan os cálculos previos de poboación de risco en cada comunidade", afirma o experto Daniel López-Acuña, exdirector de Acción Sanitaria en Crise da OMS. 

A previsión é que a campaña de vacinación comece en xaneiro, e haberá que chegar ao 70 por cento da poboación vacinada para lograr a inmunidade de grupo. Un obxectivo que, se a sociedade responde, pode cumprirse en 2021.

"Eu diría outubro", apunta Rafael Bengoa, experto en saúde pública. "Se este terzo da sociedade que aínda está dubidando se vacinarse ou non o fai".

Ata entón, advirten, hai que seguir extremando as medidas de protección para evitar contaxios.

Noticias web

14/12/2020