CRTVG

Buscar

Constrúen un control de velocidade ficticio a carón da estrada de Santiago a Carballo

Publicado o 27/06/2019 18:54

Unha idea ben orixinal para o concurso de cacharelas de Carballo mantén revolucionados os condutores que se achegan á vila dende Santiago. Dous mozos da zona, fartos da velocidade á que pasan os coches, decidiron facer o paquete completo: coche de tráfico, radar e sinal de limitación a 30. Todo para queimar, algo que aínda van facer esta noite. O mellor de todo é que os coches, ao velo, si que reducen a velocidade.

A instalación reproduce en madeira un completo control de velocidade, co seu sinal de limitación e pegado un radar fixo e outro móbil. Está situada a catro quilómetros de Carballo, pola estrada de Santiago.

Un dos artífices é Alberto, que fixo isto para concursar nas fogueiras de San Xoán.

A poucos metros de aquí, nun control real, caeu un chofer que ía 127 por hora nun tramo coma este de 50, polo que esta instalación, gabada por moitos residentes á beira da estrada, gañou puntos de actualidade.

Alberto traballa na panadería de Vivente e lembra a broma que fixeron a noite de San Xoán disparando un flash desde o radar.

Explica o autor que o premio que lle deron por isto no concurso das cacharelas foi de 150 euros, insuficiente para saldar o que lle custaron os materiais. Tiña previsto queimar a súa obra coas fogueiras da noite de San Pedro, este venres, pero como non pode, vai facer unha cacharela particular esta noite.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/06/2019