CRTVG

Buscar

Constitúense as Cortes da XIII lexislatura

Publicado o 21/05/2019 10:21

• Sigue en directo a sesión constitutiva do Congreso e do Senado

• A Mesa do Congreso comeza a estudar hoxe mesmo, en canto quede constituída, a posible suspensión como deputados dos políticos cataláns en prisión preventiva

Ás dez da mañá constitúense as Cortes da XIII lexislatura. Como é habitual, comezará o pleno cunha mesa de idade, os deputados acatarán a Constitución e despois constitúese a Mesa do Congreso, que presidirá a ex-ministra Meritxel Batet. Ela e os outros oito membros abordarán hoxe mesmo o asunto máis urxente: como resolver a situación dos presos independentistas cataláns en prisión preventiva que son agora deputados. PP e Ciudadanos xa comezaron a presión para que se axilice a súa suspensión. 

Hoxe volveremos ver imaxes históricas, similares ás de onte. As dos políticos cataláns en prisión preventiva, entrando no Congreso dos Deputados onde, hoxe si, accederán ao hemiciclo acompañados de policías de paisano. Un dos puntos da atención da xornada é a fórmula que escollerán para acatar a Constitución. E a gran incógnita é saber cantas veces se repetirá a súa presenza. Porque a Mesa do Congreso comeza a estudar hoxe mesmo, en canto quede constituída, a sua posible suspensión como deputados. O Supremo deixou nas mans do órgano parlamentario esta decisión que se tomará previo informe dos servizos xuridicos da cámara. PP e Ciudadanos meten presión para que sexa inmediato.

Pablo Casado, presidente do PP, declarou: "Nós imos esixir que se tomen cantas medias sexan necesarias para que os cinco procesados, inmediatamente, sexan suspendidos como parlamentarios".

Albert Rivera, o líder de Ciudadanos, engadiu: "Aquí séntanse os que defenden a soberanía nacional, non os que queren liquidar España". 

Garda silencio o PSOE, á espera dos informes. Podemos baralla fórmulas como a posible delegación de voto se os deputados manteñen a acta. Xa anunciou a renuncia Oriol Junqueras, que será substituído, e non se pronunciaron aínda os tres de junts per Cataluña, Jordi Sánchez, e os ex-conserller Turull e Rull.

Laura Borrás, de Juns per Catalunya, explicou: "Eles están absolutamete convencidos de que a Mesa do Congreso vai defender os dereitos dos deputados e, polo tanto, tamén, defendelos a eles".

Se son suspendidos e non poden votar, a investidura de Sánchez podería non precisar sequera da abstencións dos independetistas ao situarse a maioría en 174 deputados.

Polo demais, será unha lexislatra cun hemiciclo algo máis fragmentado, na que haberá previsiblemete oito grupos parlamentarios, coa presenza por primeira vez de Vox. Non estarán na Mesa, reservada para os catro grandes partidos: presidida polo PSOE, Ana Pastor, do PP, que onte ofreceu un xantar de despedida cos seus antecesores, asumirá as funcións da vicepresidencia.

A mesa terá agora maioría progresista e será este órgano parlamentario o encargado tamén de fixar o calendario para a investidura de Sánchez, que os socialistas dan por feita, aínda que sexa por maioría simple e en segunda convocatoria.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/05/2019