CRTVG

Buscar

Consternación en Moaña tras morrer dúas persoas afogadas onte na praia da Xunqueira

Publicado o 27/07/2020 15:32

Consternación en Moaña despois da morte de dúas persoas na tarde do domingo na mesma praia, a da Xunqueira. Non semella que os decesos garden relación ningunha pero aconteceron en circunstancias parecidas e con dúas vítimas, un home e unha muller, na mesma franxa de idade.

A praia da Xunqueira, en Moaña, foi escenario de dúas mortes que de primeiras, se ben non semellan ter relación entre si, ocorreron de xeito moi similar. Cara ás seis da tarde varios bañistas avistaban unha persoa aboiando na auga, preto da beira, boca abaixo. Os socorristas acudiron e fixéronlle manobras de reanimación. A pesar diso, os servizos sanitarios confirmaron pouco despois o falecemento do home, de 68 anos, veciño da parroquia moañesa de Meira e que estaba pasando o domingo na praia coa familia.

Os efectivos de emerxencias aínda non remataran cos trámites deste deceso, que certificaron ás sete menos cuarto da tarde, cando tiveron que volver mobilizarse. Mentres aínda agardaban a que se producira o levantamento do cadáver, noutro lugar da mesma da praia deuse a voz de alarma de novo. E todo ocorreu de xeito moi similar. Neste caso, unha muller de 72 anos, residente en Pontevedra, apareceu tamén na auga, tamén a sacaron e tamén intentaron reanimala, sen éxito. Deste xeito, en menos de tres horas, confirmáronse dous falecementos na mesma praia, cuxas circunstancias se investigan.


 

Noticias web

27/07/2020