CRTVG

Buscar

Consellos para sobrevivir se caemos co coche ao mar

Publicado o 31/08/2021 21:46

O primeiro que hai que facer pode parecer o máis elemental, pero tal vez sexa o máis complicado: Manter a calma nunha situación cunha carga de estrés moi importante. A partir de aí, se se pode, prepararse para o impacto e, canto antes, quitar o cinto de seguridade e abrir as ventás.

Se non puidésemos facelo, temos varias opcións, xa que ademais teriamos algo de tempo ata que non se encha de auga o vehículo. É importante aquí ter algún elemento coma un punzón ou pequeno martelo para facelo, igual que para cortar o cinto se quedase atascado. Se non contamos con estas ferramentas, podemos usar a chave do coche ou a parte de atrás do repousacabezas. Sempre golpeando nas esquinas dos cristais laterais e non do parabrisas.

Os expertos sinalan que "se con iso non conseguimos que rompan as ventás, agardaremos a que se encha de auga e intentaremos abrir, aí quedaranos un fío de aire, e cando se igualen as presións, seranos máis sinxelo abrir as portas do coche".

Este sería o protocolo máis axeitado, aínda que, por suposto, estamos a falar de momentos límite en que moitas circunstancias poden acontecer. O mellor, sen dúbida, é non ter que probalo e andar con moita precaución cando circulemos preto da auga.

 

Noticias web

31/08/2021