CRTVG

Buscar

Consellos para reducir o consumo e a factura eléctrica

Publicado o 14/01/2021 20:39

O pasado venres, o prezo da luz acadou o seu máximo histórico chegando a 95 euros o megawatt/hora. Cos temporais de frío, neve e xeo e coas restricións á mobilidade que impón a pandemia, son moitas horas as que imos pasar na casa e o consumo eléctrico pódese disparar. Desenchufar aparellos que non usemos, baixar a temperatura das lavadoras, utilizar lámpadas LED ou manter a calefacción a non máis de 21 graos son só algúns exemplos de como reducir o consumo de luz e, por conseguinte, de que a factura non sexa tan elevada.

Víctor Muñoz, FACUA Lugo: "Tamén se pode cambiar a potencia para axeitala á cantidade e tipoloxía de aparellos que temos na casa. Iso é un xeito de aforrar".

A situación de crise xa está a provocar que nas casas e nos pequenos negocios se reduza o consumo eléctrico. Sobre todo no tocante a calefacción e iluminación das vivendas. O temor a unha factura demasiado alta xa se deixa sentir.

"A lavadora úsoa cada quince días e non cada oito. Coa neveira pouco podo facer porque teño alí as cousas".

"Se poño a tele, apago a luz, porque é un xeito de aforrar".

As asociacións de consumidores advirten tamén fronte a aquelas ofertas que presentan un prezo da luz demasiado baixo porque adoitan ter algunha trampa na letra pequena que acaba saíndo moi cara.

Noticias web

14/01/2021