Consellos da Garda Civil para evitar roubos nas casas mentres estamos de vacacións
Nestes días en que moitos estarán pechando as maletas para gozar duns días de descanso, as forzas de seguridade lémbrannos que non hai que poñérllelo fácil aos ladróns. Empezando por coidar a nosa actividade nas redes sociais.
"Moitas veces o primeiro erro cometémolo ao fotografarnos no mostrador do aeroporto e poñer que imos de viaxe. Se subimos a foto ás redes sociais perdemos o control. Estamos dando a información de que non estamos na casa".
Outra recomendación ten que ver co domicilio. Non desconectar a luz ao saí de viaxe e pedir a alguén de confianza que abra a casa de cando en vez e recolla o correo.
"Algo que adoitamos facer é cortar a electricidade e, nese caso, con tocar o timbre xa se sabe que nesa casa non hai ninguén. Tamén hai que evitar que a caixa do correo se encha de cartas ou de publicidade".
E se o roubo xa se produciu, dar parte á Garda Civil ou á policía. Ás veces é posible recuperar os efectos roubados.
"Un consello que damos, e que é importante á hora de recoñecer os efectos, é que estean fotografados ou apuntados os números de serie para demostrar que nos pertencen".
Se compramos unha casa usada ou vivimos de alugueiro, o consello é cambiar o cilindro da porta para asegurarnos de que ninguén ten unha copia da chave.