CRTVG

Buscar

Conmoción no Perú pola morte de 48 persoas ao caer por un cantil o autobus no que viaxaban

Publicado o 03/01/2018 21:37

Conmoción no Perú tras un tráxico accidente que deixou polo menos 48 mortos. O autocar en que viaxaban bateu cun camión articulado e caeu por un cantil de 160 metros de altura. Só sobreviviron seis pasaxeiros, que sofren múltiples fracturas. Dous deles, en estado grave.

O exceso de velocidade podería ser a causa do grave accidente de tráfico ocorrido en Pasamayo, unha zona costeira ao norte de Lima. Un autobús de liña, con medio cento de pasaxeiros a bordo, bateu contra un camión articulado e caeu 160 metros por un cantil ata quedar esmagado nas rochas da praia coas rodas para riba. O condutor do camión está detido. 

O lugar onde caeu o autobús é de moi difícil acceso, polo que o rescate dos corpos está sendo laborioso e tivo que ser interrompido durante a noite pola suba da marea.

A zona do accidente coñécese como a 'curva do diaño' e é un dos principais puntos negros da rede viaria peruana. Só unhas horas despois deste accidente volvían chocar outro autobús cun tráiler, falecendo os condutores de ambos vehículos.  O presidente Kuczynski comprometeuse a pechar esta estrada. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/01/2018