CRTVG

Buscar

Conmoción en Vilasobroso pola morte da veciña esmagada por unha árbore en Mondariz

Publicado o 04/10/2021 14:05

Vilasobroso amenceu conmocionada pola morte de Josefa Agulla, Fita. Todos a coñecían porque, aínda que naceu en Domaio, o seu esposo, Manuel Outerelo, era natural desta parroquia de Mondariz. Vivían en Vigo, pero sempre tiñan aberta a casa en que pasaban moito tempo, sobre todo, tras a xubilación do marido.

El mesmo avisou os amigos da súa desgraza. "Horrible", cualifica unha veciña, "de feito el, pobriño, á unha da mañá chamou o meu marido, que non foi porque tiña que levantarse... chamouno e díxolle: 'Pepe, sabes que me pasou unha desgraza? Que me morreu a muller e estou no hospital...' Só con iso xa non durmimos en toda a noite, pensando nela".

Outro veciño comenta "son moi boa xente, xente que convivía cos veciños, moi agradable, un matrimonio moi unido, estaban, un matrimonio moi unido coa súa familia, estupenda, sentímolo moito".

A noticia impactou en Vilasobroso, porque é unha familia moi apreciada por todos.

"Non hai palabras, é moi triste, son una xente moi querida, unha familia moi unida sempre os catro unidos, coas dúas fillas, en todos os eventos... son moi boa xente, e que pasara esta traxedia... estamos moi consternados", di outra veciña de Josefa Agulla. "Moi boa muller, cantaba moi ben en galego, sempre lle gustaron os seráns", salienta outro.

Vilasobroso prepárase para despedir a Fita e arroupar toda a familia nestes momentos tan duros.

Noticias web

04/10/2021