Conmoción en Rois despois de que un presunto caso de acoso escolar rematara en suicidio
Conmoción no concello coruñés de Rois despois de que un presunto caso de acoso escolar rematara en suicidio. A vítima é unha moza menor de idade, de 17 anos. O acoso que sufría non se limitaba só ao centro escolar, senón que se reproducía dun xeito semellante nas redes sociais, onde mantiña unha actividade frecuente. Iso provocáralle tempo atrás unha forte depresión da que aínda non lograra recuperarse.
O Goberno municipal, que asegura que descoñecía por completo a situación da rapaza, trasladoulles as súas condolencias aos familiares da rapaza falecida. Estes, pola súa banda, emitiron un comunicado pedindo que se respecte a súa intimidade e se eviten os xuízos de valor sobre o caso, para evitar que a súa traxedia familiar se converta nun espectáculo mediático.