CRTVG

Buscar

Conmoción en Malpica pola morte de dous homes ao caeren ao mar co coche

Publicado o 01/10/2020 13:35

Pasaba da medianoite. Manuel Parga e José Adolfo Pose, dous veciños de Malpica de 48 e 42 anos, estaban dentro do coche do primeiro, estacionados neste aberto no porto. Segundo algunhas testemuñas, o condutor deu marcha atrás bruscamente, bateu contra un morrón onde amarran os cabos do barcos e caeu ao mar.

Dous veciños da localidade que presenciaron o accidente lanzáronse á auga para intentar rescatar os ocupantes do vehículo iluminados polos faros dun pesqueiro, pero non o lograron. Avisaron entón un mergullador profesional que logrou acceder ao interior do vehículo e recuperar os corpos xa sen vida dos dous homes. Unha acción heroica que loan os veciños.

Descoñécese polo momento que foi o que provocou esa manobra brusca ou se foi un descoido do condutor á hora de manipular o cambio, entrándolle a marcha atrás en vez da primeira.

Ata a zona desprazáronse efectivos do GES de Ponteceso, bombeiros de Carballo, Protección Civil, Garda Civil e sanitarios, que xa non puideron facer nada. Un guindastre retiou o vehículo da auga durante a madrugada.

Os cadáveres foron trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña para facerlles a autopsia, previsiblemente mañá.

O suceso causou gran conmoción na localidade onde as dúas vítimas eran moi coñecidas. O xulgado de Intrución número 3 de Carballo investiga as circunstancias do accidente, mentres a conmoción reina en Malpica, que decretou dous dias de loito oficial en memoria das dúas vítimas.

Noticias web

01/10/2020