CRTVG

Buscar

Conmoción e confusión no deportivismo 24 horas despois do anuncio do Consello

Publicado o 23/04/2019 21:15

O deportivismo vive en estado de conmoción. A sacudida que supón a saída precipitada de Tino Fernández e os seus compañeiros do Consello de Administración sume a entidade nunha fonda confusión institucional. 24 horas despois, ninguén dá unha explicación. Tino Fernández non ten previsto facer declaracións nas próximas horas, segundo indican desde o club.

A xunta de accionistas, en que se producirá a dimisión do consello de administración e a elección do novo equipo rector, tense que convocar cun mes de antelación. Non se desbota que se celebre mesmo antes de que acabe a temporada. Algún sector do deportivismo asegura que haberá candidaturas.

O equipo, mentres, empezou a preparar o partido do venres en Soria. O shock é de tal magnitude que a única voz que se escoitou publicamente este martes foi a de Pablo Marí, un futbolista cedido esta temporada, que non xogará o partido do venres por sanción e que prefire manterse á marxe da nova situación. 

"Deste tema, non me corresponde falar. Sairán as persoas que lles toque explicar esta situación", dixo Marí.

O pasado mes de xullo, Fernández recibiu a confianza de case o 99% dos accionistas. Daquela non tivo rival nas urnas. Tras evitar a liquidación dunha entidade que protagonizou o maior concurso de acredores da historia do fútbol español, a decisión do consello é o maior sobresalto da temporada. Chega quince días despois de cambiar o adestrador e a mes e medio do final da temporada. Por diante, dúas saídas consecutivas e moito desacougo deportivo, social e institucional.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/04/2019