CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Congreso "Pais analóxicos, fillos dixitais"

Publicado o 01/04/2017 21:24






Máis de 1.200 pais participaron nos colexios coruñeses de Montespiño e Peñarredonda no congreso "Pais analóxicos, fillos dixitais". Os expertos insisten en que nun mundo cada vez máis dixitalizado os fillos deben percibir que os seus maiores saben de Internet para así poder guialos no seu uso das distintas aplicacións e das redes sociais.


Juan García, especialista en ciberconvivencia, foi un dos once expertos que deu claves aos pais para educar os fillos no ámbito dixital. O fundador de Vakarian contou "Como falar co teu fillo de Internet e non morrer no intento". O primeiro consello é acompañar os fillos desde que comezan a usar tabletas e ordenadores.

"Eu teño un fillo pequeno e non sei a que idade lle darei o seu primeiro móbil, pero si sei que o antes posible navegará conmigo en Internet e que imos pasar moito tempo navegando xuntos", di Juan García. E engade "Ti empezaches a saír co teu fillo a dar voltas pola rúa e pouco a pouco fúchelo soltando e deixando espazo para que xogase só cos amigos. Pois hai que facer o mesmo en Internet".

Máis aló de botar tempo cos fillos diante dunha pantalla, Álvaro Varona, un experto afamadísimo en analizar aplicacións para nenos e adolescentes, salientou a importancia de coñecer as aplicacións cun certo criterio. É clave, como pais, estar actualizados. Un fillo percibe cando o seu proxenitor sabe máis ca el ou non ten nin idea niso das apps.

"A única forma de dar confianza aos nosos fillos é se eles perciben que nós sabemos, que os pais saibamos é crítico para poder ensinarlles e para poder guialos por este camiño" "Temos o reto de aprender a vivir con isto. Se non o fas estás dándolles a facultade a eles. Eles van ir a velocidade si ou si porque é o que define o seu tempo. Pero nós tamén temos que aprender a vivir e a facer iso á vez que estamos decidindo se si ou non. Hai que arremangarse", di Varona. E unha nai engade "Nós temos que ver Internet e a tecnoloxía como eses parques de cando nós eramos pequenos. Temos que aprender a ir a ese parque e usalo ben para potenciar todas esas habiliddes que os nosos fillos teñen no mundo dixital".

Como pais, por encima de dedicarlles tempo e poñernos ao día en novas tecnoloxías, está o factor confianza. Pero a confianza dun fillo nun pai non é analóxica nin dixital. Ten que estar sementada dende que nace o fillo.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí