CRTVG

Buscar

Confírmase o primeiro caso por coronavirus en Galicia

Publicado o 05/03/2020 09:08

• É un home de 49 anos, chegado de Madrid, que está ingresado na Coruña

• En Vigo, outro caso está pendente de confirmación oficial

• O Sergas vai implantar nos hospitais unha proba para detectar o virus e non ter que enviar mostras a Madrid

Un paciente home permanece illado no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo tras dar positivo en coronavirus, un positivo aínda non concluínte que debe ser ratificado polo Centro Nacional de Microbioloxía, de Majadahonda.  

Segundo informaron a Europa Press fontes hospitalarias, o paciente está illado nunha planta e os traballadores sanitarios xa foron informados dos protocolos que deben seguir.  

Se se ratifica este caso de Vigo sumaríase ao xa confirmado este mércores como primeiro caso de COVID-19 en Galicia: o dun paciente de 49 anos que viaxou desde Madrid até A Coruña nun servizo de coche compartido e que está hospitalizado no Chuac en estado grave, pero estable.

Ese primeiro caso é un home de 49 anos ingresado no hospital da Coruña. Está grave, pero estable. Veu de Madrid a fin de semana, nunha viaxe en coche compartido, para unha entrevista de traballo. O luns sentiuse mal e ingresou. Hai unha segunda persoa, que deu positivo nunha primeira proba no hospital de Vigo. Está illado por precaución pero, de momento, falta o resultado da proba oficial, que confirme o diagnóstico. 

Unha vez confirmado ese primeiro caso de coronavirus en Galicia, a nosa comunidade deixaba de estar libre do COVID-19. Porén, a Consellería de Sanidade asegura que, polo momento, en Galicia "non circula o coronavirus" porque este primeiro positivo é un caso importado. O enfermo vén de Madrid á nosa comunidade.  Agora está ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. O seu prognóstico é estable dentro da gravidade. Está illado, pero en planta.  Acudiu a urxencias deste hospital o luns. Levaba 1 ou 2 días en Galicia, viña de Madrid.

A Consellería de Sanidade informa que xa están identificadas as persoas que puideron estar en contacto con el e tamén todo o persoal médico que o atendeu no hospital. Os profesionais que tiveron un contacto de risco co paciente, é dicir, a menos de dous metros sen protección, permanecen en illamento nas súas casas por precaución. 

O paciente chegou a Galicia de Madrid, onde vive. O luns a mediodia acudiu a urxencias do Complexo Hospitalario da Coruña. Foi diagnosticado de pneumonía e aínda que non era un caso sospeitoso porque non estivera en países afectados polo coronavirus, o hospital pola tarde xa activou o protocolo como medida de precaución. Os resultados das probas confirmaron que ten coronavirus.

"O paciente está nunha unidade de hospitalización convencional dentro da súa situación grave, está estable", informa María José Pereira, xefa de servizo de Medicina Preventiva do CHUAC.

Antes de ir ao hospital, o paciente estivo un ou dous días en Galicia. Todas as persoas con que estivo en contacto xa están identificadas. Tamén todo o persoal do hospital que o atendeu. A todos se lles está a facer un seguimento. E os sanitarios que tiveron un contacto de risco co paciente, a menos de dous metros e sen protección, están en illamento nas súas casas.

"Os que se consideran de alto risco están, agora mesmo, e hai que agradecérllelo, facendo illamento domiciliario, co que iso implica para a súa rutina diaria. Son profesionais todos asintomáticos", asegura  María José Pereira, xefa de servizo de Medicina Preventiva do CHUAC

Sanidade fai un chamamento á tranquilidade. Lémbrase que ao ser un caso importado, o contaxiado vén de Madrid, o virus non está en circulación por Galicia. A Consellería di que así e todo os hospitais galegos están preparados para facer fronte ao coronavirus.

"Nós seguimos traballando na posibilidade de que avancemos a outras fases. En Galicia estamos lonxe, pero aínda así activamos o plan de continxencia, compramos material pola vía de urxencia e reforzamos o persoal", afirma Xesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade.

Sanidade recorda que hai dous teléfonos para calquera dúbida: o 061 e máis o 900 400 116.