CRTVG

Buscar

Confírmanse outros 12 positivos que elevan a 47 os casos no brote da Mariña

Publicado o 02/07/2020 12:26

Confírmanse outros doce casos positivos de persoas afectadas por coronavirus no brote da Mariña. Ata o momento, mediante  as  probas realizadas, unhas 900 PCR, confírmase a existencia de 47 positivos en covid-19 relacionados con este brote. Así o comunica a Consellería de Sanidade. 

Dos 47 casos positivos, a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e deben gardar corentena durante 14 días. Dúas persoas con resultado positivo están ingresadas no Hospital Público da Mariña, a  súa evolución é favorable. As persoas cuxas probas deron resultado negativo, algo máis de 500, permanecen en seguimento domiciliario.

O  primeiro caso detectárase na tarde do martes 23 de  xuño, no concello de Xove. A partir do mesmo, rastrexáronse e analizáronse todos os contactos de persoas que se viron afectadas. 
Desde a detección do primeiro positivo,  púxose en marcha o protocolo de  seguimento e  realizáronse as probas PCR aos contactos estreitos das  persoas que deran positivo. A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde seguen a investigar e a rastrexar os contactos dos novos positivos. 

Mentres, o brote de Ribeira remite, polo que na área sanitaria de Santiago e O Barbanza xa traballan nun programa de seguimento das secuelas da enfermidade, no que xa se atendeu un cento de persoas.

En toda España hai 37 brotes activos. O último detectouse en Manresa, con dez positivos entre os traballadores dun matadoiro, tras asistir a unha festa. En Lleida, hai nove casos nun edificio, seis nun albergue e vinte e catro en varias empresas hortofrutícolas.

Estes poderían estar relacionados cos brotes das catro comarcas aragonesas que retrocederon á fase dúas: suman 350 infeccións, con gran afectación entre os temporeiros. Andalucía é a comunidade con máis focos, 11, entre os que destaca o de Málaga, con 105 casos.

En Almería, a policía busca un menor fugado dun centro de acollida tras dar positivo en coronavirus.