CRTVG

Buscar

Confirman que o cadáver localizado hai 25 anos en Cantabria é o do vigués Ignacio García Llorente

Publicado o 27/06/2019 14:23

E logo de vinte e cinco anos e dun minucioso traballo da Garda Civil, puido confirmarse que un cadáver localizado na praia cántabra de Tablía é o do vigués Ignacio García Llorente, que desapareceu da cidade no ano 94.

Naquel momento fixéronse análises biolóxicas que non deron froito a un cadáver que apareceu en Cantabria un mes despois, este ano en maio os avances do ADN mitocondrial puideron confirmar que se trataba de Ignacio García Llorente.

No barrio de Coia, no contorno da rúa Baiona, viviu e medrou Ignacio García Llorente, o mozo de 25 anos que desapareceu en marzo de 1994. Estudou no Instituto Álvaro Cunqueiro de Vigo e en INEF na Coruña, na primeira promoción. Era moi deportista e solidario e participou en numerosas ocasións como monitor en actividades da activísima parroquia do Cristo da Vitoria de Coia. Moitos lémbrano daquel tempo como unha persoa "riquiña", pero algo introvertida, e ao que tamén lle gustaba facer actividades só de cando en vez.

Un mes despois de que desaparecese, achouse un cadáver na praia cántabra da Tablía en Suanzes, todo apuntaba que podía ser el, pero as análises biolóxicas daquel tempo non puideron certificalo.
Hoxe é grazas aos avances do ADN mitocondrial e á constancia da Garda Civil de Cantabria puido confirmarse que o cadáver aparecido hai un cuarto de século é o de Ignacio García Llorente.





 

Noticias web

27/06/2019