CRTVG

Buscar

Confirman que a nova cepa eleva a taxa de reprodución da covid-19 no Reino Unido

Publicado o 01/01/2021 20:10

• A nova variante "é moito máis transmisible", conclúe o estudo da Imperial College | Piden extremar as restricións

Confirman que a nova cepa eleva a taxa de reprodución da covid-19 no Reino Unido

A nova variante do coronavirus é "moito mais" transmisible que a cepa previa e presenta unha taxa de reprodución superior, de entre o 0,4 e o 0,7, segundo un estudo divulgado este venres.  

O investigador Axel Gandy, do grupo de expertos do Imperial College de Londres, a cargo da investigación, dixo hoxe á emisora BBC Radio 4 que as diferenzas entre ambas as variantes son "bastante extremas", en especial no referente á velocidade de propagación. 

Até agora a última "R", que representa o número de persoas que pode contaxiar un afectado, situábase entre o 1,1 e o 1,3 e é necesario que estea por baixo do 1,0 para que a cifra de casos empece a descender. 

Este estudo coñécese despois de que o xoves pasado se batera unha marca de contaxios diarios no conxunto do Reino Unido, ao rexistrárense 55.892 novos positivos, a cifra máis alta desde o comezo da pandemia. 

Segundo datos do Imperial College, a transmisión da nova cepa triplicouse durante o confinamento decretado en Inglaterra no mes de novembro: mentres que as medidas non serviron para frear a propagación da variante nova, si levaron a que a versión anterior descendese á terceira parte.   

Aínda que se viu, conforme aos primeiros resultados do estudo, que o virus se propagaba de maneira máis rápida entre as persoas menores de 20 anos, en particular entre aquelas de entre 12 e 17 anos, os últimos datos apuntan a que se estende con rapidez en todos os grupos de idade. 

"Unha posible explicación é que os primeiros datos obtivéronse durante a época de confinamento de novembro, cando os colexios estaban abertos e as actividades da poboación adulta estaban máis restrinxidas. Agora estamos a ver que o novo virus incrementou o seu risco de contaxio en todas as idades", sinalou o experto.    

Pola súa banda, Jim Nishmith, da Universidade de Oxford, considera que estes achados revelan que pronto se necesitarán medidas restritivas máis duras.  

"Os datos do estudo implican que as medidas adoptadas ata o de agora non reducirían o número R por baixo de 1. A menos que fagamos algo diferente, a nova variante do virus seguirá propagándose, haberá máis infeccións, máis hospitalizacións e máis mortes", advertiu Nishmith. 

Moitos científicos consideran que será necesario endurecer as actuais restricións para evitar que se estenda máis a nova cepa e confían en que os niveis de infección empecen a baixar cando haxa o suficiente número de persoas vacinadas.  

Segundo Lawrence Young, da Universidade de Warwick, a maior parte das mutacións "non teñen efecto no comportamento dun virus, pero moi ocasionalmente poden incrementar a súa capacidade de infectar e/ou de facerse máis resistente á resposta inmunolóxica do organismo

Noticias web

01/01/2021