CRTVG

Buscar

Confirman a inhabilitación do alcalde socialista de Cerceda oito anos por prevaricación

Publicado o 08/01/2020 18:54
Confirman a inhabilitación do alcalde socialista de Cerceda oito anos por prevaricación

A sección primeira da Audiencia coruñesa desestimou o recurso de apelación interposto polo alcalde de Cerceda (A Coruña), o socialista José Luis García Liñares, e o arquitecto técnico, Antonio José Varela Mallo, contra a resolución do Xulgado do Penal número 2 da Coruña que os condenou por "irregularidades" na contratación das obras do xardín botánico.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a Audiencia confirma integramente a sentenza ditada en xullo de 2019 na que o rexedor municipal foi condenado a oito anos de inhabilitación para exercer calquera cargo público como autor dun delito de prevaricación administrativa. O arquitecto, pola súa banda, foi condenado como cooperador necesario con catro anos de inhabilitación, ademais de con nove meses de suspensión do cargo por cometer dun delito de falsidade. Contra a resolución da Audiencia Provincial da Coruña non cabe a presentación de recurso ordinario. 

No seu ditame, o tribunal destaca que o xuíz de primeira instancia fundamentou a súa sentenza "na valoración das probas practicadas no xuízo, con todas as garantías de inmediación, contradición e oralidad", á vez que advirte que os apelantes pretenden "substituír o criterio xudicial, obxectivo e imparcial, polo seu propio, lexítimo, pero subxectivo e interesado na idea da absolución". "Non se demostrou que a tramitación do expediente mereza sanción penal, pero de aí a elevalo á categoría do correcto, media un treito que a proba non avala", subliñan os maxistrados na sentenza.

Nela indican tamén que a obra "empezou polo menos o 31 de marzo de 2015 por unha contratación verbal, sen que o expediente administrativo alcanzase a fase de adxudicación". Por iso, conclúen que é "delito de prevaricación". Os xuíces recalcan que é "inimaxinable" que a empresa realizase eses traballos "pola súa conta e risco, sen encomenda directa do alcalde e sen a cooperación directa do arquitecto municipal". 

O exame das fotografías achegadas polo denunciante, segundo a Audiencia, "leva a apreciacións en liña coas a instancia: as obras de autos non se corresponden cunha drenaxe menor xunto a un camiño". Así, os xuíces sosteñen que son "amplos movementos circulares de terras, a un nivel superficial, o que se cohonesta coa natureza do que se pretendía construír: dúas lagoas superficiais".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí