CRTVG

Buscar

Confirman a condena de 4 anos ao ex-director dun banco de Entrimo por quedar cos cartos dos clientes

Publicado o 22/06/2020 17:17
Confirman a condena de 4 anos ao ex-director dun banco de Entrimo por quedar cos cartos dos clientes

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a pena de catro anos de cárcere, como autor dun delito continuado de falsidade en documento mercantil, en concurso medial cun delito continuado de apropiación indebida, que a Audiencia Provincial de Ourense lle impuxo ao que fora director dunha sucursal bancaria na localidade de Entrimo entre 1998 e 2015.

O Superior considera acreditado, segundo informa o ditame divulgado polo Alto Tribunal galego, que o sospeitoso realizou disposicións indebidas de fondos depositados en contas dos clientes sen o seu consentimento nin autorización. Ademais, apoderouse de diñeiro entregado en efectivo polos clientes que non foi rexistrado nas súas contas e realizou pagos de extratipos polos fondos depositados polos clientes á marxe dos contabilizados pola entidade bancaria.

"Non pode entenderse vulnerado o principio de presunción de inocencia, pois a condena do acusado apóiase en proba legalmente practicada e razoablemente valorada", sinala o Superior.

Os maxistrados do Alto Tribunal resaltan que, tal e como consta na resolución de primeira instancia, as manifestacións dos clientes permiten "ter por certa unha mecánica similar en todos os casos". Ademais, o TSXG lembra que o informe pericial avala o declarado polos clientes e que reflicte "a mecánica comisiva do acusado, pormenorizando o detalle das operacións levadas a cabo". 

Noticias web

22/06/2020