CRTVG

Buscar

Confirman 23 anos de cárcere para un veciño de Lugo por violar e agredir a súa muller

Publicado o 29/04/2019 19:47
Confirman 23 anos de cárcere para un veciño de Lugo por violar e agredir a súa muller

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou a pena de 23 anos e dez meses de cárcere e dez anos de liberdade vixiada para un acusado de maltratar á súa muller e violala en Lugo.

Segundo informou o TSXG, o alto tribunal rexeitou os recursos interpostos pola defensa do procesado e pola acusación particular e ratificou a sentenza da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo. O fallo considera acreditado que o condenado violou en dúas ocasións á súa muller, á que esixía diñeiro para comprar droga.

Ademais, o tribunal relata que a sometía "a continuos episodios de violencia" e que a ameazaba con facerlles dano ás súas dúas fillas, non deixalas saír e "matalos a todos". O tribunal considerouno culpable de delitos de malos tratos habituais, agresión sexual, lesións leves e coaccións. Nunha ocasión, segundo a sentenza, agrediu a súa filla maior, á que chegou a arrincar un guecho de pelo cando trataba de defender a súa nai. O sospeitoso tamén foi condenado á prohibición de comunicarse e aproximarse á vítima durante 26 anos e, ás súas fillas, durante catro e tres anos, respectivamente.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/04/2019