CRTVG

Buscar

Confirmada a variante india no segundo buque confinado en Vigo, con dez positivos

Publicado o 14/05/2021 17:50

• O gromo do Emerald Leader suma cinco mariñeiros ingresados

• O outro cargueiro marcha deixando en Vigo sete hospitalizados

O servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) confirmou a variante india nos tripulantes positivos en covid-19 do segundo barco confinado nos últimos días no porto de Vigo, o Emerald Leader, con bandeira de Bahamas.

Segundo informaron fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas), este gromo rexistra un total de 10 persoas contaxiadas. Delas, cinco atópanse hospitalizadas no Hospital Vithas de Vigo (antigo Fátima), despois de que un novo mariñeiro ingresara este xoves no hospital. De acordo coas mesmas fontes, todos os tripulantes están "estables".

O resto dos mariñeiros contaxiados, atópanse illados no propio barco. Nos últimos días o servizo de Microbioloxía traballou na secuenciación das mostras dos tripulantes con covid. Ademais deste barco, o porto de Vigo acolleu tamén nos últimos días un segundo ro-ro, xemelgo do primeiro, en que xa se confirmou a variante india do virus e que finalizou esta semana a súa corentena.

O Prometeus Leader marcha de Vigo 

Este barco partiu esta tarde rumbo a Bélxica dende o peirao de Bouzas tras cargar uns 2.500 vehículos e cambiar parte da súa tripulación. Neste segundo gromo hai arestora 7 mariñeiros afectados, un dos cales está na UCI. Todo despois de que un oitavo mariñeiro recibise esta tarde a alta hospitalaria. 

En total en Galicia contabilízanse 21 casos da variante india do coronavirus, todos na área sanitaria de Vigo. 18 deles identificáronse en dous barcos, e os outros tres en terra.

A Autoridade Portuaria de Vigo informou este xoves de que Sanidade realizará outro cribado no porto de Vigo en busca de casos asintomáticos de covid-19, e que será complementario ao cribado realizado o pasado luns, en que participaron máis de 900 persoas e que serviu para detectar 21 positivos. Segundo confirmou a propia administración, as próximas probas desenvolveranse o martes na lonxa de mariscos, que se desinfectará previamente, e a previsión é citar 200 traballadores de empresas onde tamén traballan as persoas que deron positivo no cribado desta semana.