CRTVG

Buscar

Confinan arredor de 3.500 persoas máis na Palma tras empeorar a calidade do aire

Publicado o 02/10/2021 14:38

Atendendo ás medicións da calidade do aire na zona, ordenouse o confinamento de novos núcleos de poboación de Los Llanos de Aridane e El Paso. A medida afecta arredor de 3.500 persoas.

Desde a Dirección Xeral de Seguridade e Emerxencias explicaron que as condicións meteorolóxicas impiden a dispersión dos gases e mantéñenos en cotas baixas da atmosfera.

Estes confinamentos súmanse aos xa vixentes en catro barrios de Tazacorte. Aos residentes nestas áreas pedíronlles que estean no interior das súas vivendas e eviten a entrada de aire do exterior. 

Ben polo medo aos gases ou polo temor á dirección que tomen as coadas, tamén hai veciños que optaron nas últimas horas por marchar da casa e instalarse noutros lugares.

Este sábado abriu a oficina de apoio aos afectados pola erupción do volcán e o Consorcio de Compensación de Seguros empezou a pagar indemnizacións a asegurados que perderon a vivenda.

Cinza e lava

cinza expulsada dende o inicio, o 19 de setembro, esténdese por unha superficie de 3.304 hectáreas. Así consta na última actualización do sistema de satélites europeo de monitoraxe terrestre Copernicus, con datos solicitados na tarde deste venres.

No mesmo informe, certifícase unha redución sensible da superficie ocupada pola lava, incluído o terreo que gañou ao mar desde a noite do día 28. Pasa das 709 hectáreas ás 367,3.

En canto ás edificacións afectadas polas coadas, mantense o cálculo de 1.005, aínda que se elevan a 880 as que quedaron completamente destruídas, dez máis en comparación co anterior reconto.

O número de quilómetros de estradas afectadas aumenta ata os 30,7, dos cales 28,3 foron destruídos polo paso da lava. Ademais, nas últimas 24 horas rexistráronse 12 tremores de pouca intensidade. Este domingo, o presidente Pedro Sánchez viaxa de novo á illa.

Noticias web

02/10/2021