CRTVG

Buscar

Confinamento en Salamanca cun forte control policial nos accesos

Publicado o 17/10/2020 20:10

Salamanca estreaba hoxe confinamento cunha forte presenza das forzas de seguridade. Ata dezanove controis de tráfico estiveron activos durante boa parte da xornada. As ringleiras de vehículos foron longas nalgunhas vías e as protestas fixéronse evidentes. A Garda Civil e as policias nacional e local implicáronse con todos os seus efectivos na cidade para evitar que se trasgredise a normativa, que impide entrar ou saír se non é por motivos laborais, sanitarios, educativos ou casos familiares especiais.

Esta xornada deixa un sabor amargo por outro motivo. A evolución da pandemia vai a peor na urbe salamantina e tamén no conxunto da provincia, que rexistra 268 novos casos e dous falecidos.

As rúas da cidade amenceron convertidas nun deserto, pero a primeira hora da tarde comezaron a animarse e non faltou xente nas terrazas. Aínda así, o sector da hostalería incide no discurso dos últimos días. Din que lles espera unha ruína total se a situación se prolonga. Como pano de fondo, continúa a polémica e mesmo a belixerancia con respecto á conduta dalgúns universitarios, que aínda estiveron de festa a noite pasada.

Noticias web

17/10/2020