Dan positivo en coronavirus 14 dos 15 tripulantes dun pesqueiro de Burela
Dos 15 tripulantes do pesqueiro Valle Fraga, de Burela, deron positivo en coronavirus 14 mariñeiros. Un deles comezou a ter síntomas ao volver o barco ao porto debido a unha avaría, motivo polo que lles practicaron as probas.
"Chegamos a terra, preguntamos ás autoridades e contestáronnos que mandaramos os mariñeiros para a súa casa, illados de todo. Pero mandamos un facer unha PCR privada e deu positivo, polo que volvín chamar. Xa non lles deixamos saltar por desconfianza, que nin tiñan febre. Só un estaba un pouquiño mal e devolveu un día e ao outro doíalle un pouco a cabeza, nada máis", di o armador.
Este é xa o terceiro pesqueiro con base en Burela que permanece en corentena dende o inicio da pandemia. Sexa cal sexa o resultado das PCR que lles practicaron, os tripulantes deberán permanecer confinados nos seus fogares, neste concello e nos veciños de Cervo e Foz, ata coñecer o resultado dunha segunda proba.
"A min enfádame moito que despois aquí, dende o noso hospital e outros centros, me digan que tiña que ter os mariñeiros a bordo do barco, cando pagan a Seguridade Social coma en calquera empresa de terra e non é sitio, o barco, para estar a xente. Se hai 15 mariñeiros e tres ou catro están infectados, vanse infectar o resto".
Con estes de Burela, son máis de 2.000 os casos activos na área sanitaria de Lugo a día de hoxe. Deles, máis dun cento son novos contaxios. Ademais, hai 72 pacientes hospitalizados, dos que 16 se encontran en coidados intensivos. Das 30 persoas falecidas con coronavirus nas últimas 24 horas, 4 corresponden á área lucense.