CRTVG

Buscar

Confinada a tripulación dun pesqueiro galego no Brasil por un gromo de covid-19

Publicado o 05/02/2021 19:08
Confinada a tripulación dun pesqueiro galego no Brasil por un gromo de covid-19

A tripulación do arrastreiro galego Venturer, fondeado en augas do Brasil, atópase confinada a bordo por un gromo de covid-19, segundo informou este venres a CIG-Mar, que pide aos gobernos de Galicia e España que actúen para velar polo seu benestar. 

O barco, con base no porto de Vigo, partiu da cidade galega o pasado 14 de xaneiro con 64 tripulantes a bordo para faenar no caldoiro das Malvinas. 

Antes da súa partida, os tripulantes sometéronse a probas para a detección da covid, en que dous traballadores deron positivo, polo que tiveron que quedar en terra, mentres que o resto pasou unha semana de corentena e confinamento nun hotel. 

Dez días despois de partir, varios dos tripulantes comezaron a atoparse mal, con síntomas compatibles coa covid-19, polo que o capitán do buque púxose en contacto co centro radiomédico de Madrid antes de poñer rumbo a Salvador de Baía, onde chegaron o pasado 28 de xaneiro. 

Desde entón, alí permanecen fondeados sen poder desembarcar, excepto cinco deles, que foron trasladados a centros hospitalarios dada a gravidade dos seus síntomas, explica a CIG, que sinala que a metade da tripulación presenta síntomas compatibles coa infección por coronavirus. 

Ante esta situación, a CIG critica que ningunha administración se interesou polos tripulantes e que os seus familiares non tivesen noticias ata hoxe mesmo de Porta Prado, o grupo empresarial galego ao que pertence a embarcación. 

“O único que se sabía era porque algúns dos tripulantes puideron contactar cos seus achegados”, indica nun comunicado o responsable da CIG-Mar, Xavier Aboi. 

O sindicato reclama á Xunta de Galicia e ao Goberno central que “se poñan mans á obra dunha vez” para saber exactamente que está a pasar cos embarcados, e instan a empresa a que “deixe de ocultar información” e a que poña en contacto os tripulantes coas súas familias. 

A CIG fala de “falta de dilixencia” por parte das administracións, ás que insta a negociar coas autoridades brasileiras a posibilidade de que os afectados reciban en terra a atención sanitaria que precisen.