CRTVG

Buscar

Unha muller confínase nunha vivenda de Santiago xunto á anciá á que coida

Publicado o 06/04/2020 16:00

O estado de alarma segue revelándonos historias de vidas que cambiaron de súpeto. Tal é o caso de Pilar, unha coidadora profesional que tivo que pechar a súa casa e instalarse na da muller que coida. Leva xa case un mes vivindo con dona Pilar, que ten 98 anos.

Nunca tanto protagonismo tiveron as fachadas. Nunca tantas historias nos amosaron.

"Estou nun domicilio aquí en Santiago, que é a casa dunha das miñas usuarias".

Pilar, Pili, é auxiliar de axuda a domicilio. Leva un ano con Pilar, dona Pilar, e case un mes na casa dela.

"Eu pechei a miña casa e víñenme con ela, que, con 98 anos, ten fillos tamén maiores que teñen que estar confinados. E entramos en confinamento dende o 11 de marzo".

Con case 100 anos, dona Pilar mantén unha boa saúde.

"Esta señora é moi activa. Saía todos os días pola mañá e pola tarde".

Ata que a alarma cambiou o concepto de saír.

"Dona Pilar sae cada día ao balcón pola mañá a tomar o sol, e ás oito para aplaudir".

Tamén trata Pili de afacerse a non vivir na súa casa.

"É moi raro. Levaba tres semanas sen ir á miña casa e fun o outro día, e sentín que había eco na miña propia casa".

Pero axuda a que non haxa eco na casa de dona Pilar.

"Hai que axudalos, nestes momentos". Pilar e Pilar. Pili e dona Pilar.











 

Noticias web

06/04/2020