CRTVG

Buscar

Confesa o asasinato da súa filla en Peniche, Portugal

Publicado o 11/05/2020 15:50

En Portugal, hoxe o coronavirus deixou de ocupar as conversas. O país está conmocionado polo asasinato dunha nena de 9 anos a mans de seu pai. A pequena faltaba da casa dende o xoves pasado, e esta mañá o asasino confesou.

O crime está practicamente resolto despois de que o seu pai confesara o crime e ata hai unhas horas estivo mostrándolle ao xuíz e á policía como aconteceu todo. Valentina, de 9 anos, filla dunha parella divorciada, viñera pasar uns días con seu pai a esta aldea de Peniche chamada Atouguia da Balea, situada a unha hora ao norte de Lisboa. El e a súa muller actual o xoves pasado deron a voz de alarma, despois de que a nena fuxira, supostamente desgustada, porque pensaba que seu pai ía marchar con ela para o estranxeiro. Durante a busca, en que se implicaron centos de veciños da volta, o home presentou, segundo os investigadores, unha actitude sospeitosa querendo saber en todo momento que datos se tiñan da pescuda o ofrecendo pistas que resultaron ser falsas. A nena apareceu morta onte pola tarde a poucos quilómetros da casa do pai tapada con maleza e con signos evidentes de esganamento.

A causa da presión, o pai de Valentina acabou confesando e esta mañá mesmo colaborou na reconstrución dos feitos. A sociedade portuguesa está consternada con este suceso, mentres que se agarda resolver cal foi o motivo do infanticidio e se a madrasta sabía do acontecido. 

 

 

 

 

Noticias web

11/05/2020