CRTVG

Buscar

Conferencia de Presidentes: Pere Aragonès non asistirá e Iñigo Urkullu dubida

Publicado o 28/07/2021 09:09

O lehendakari Íñigo Urkullu aínda non confirmou se asistirá o venres á Conferencia de Presidentes. No PNV din que decidirá pensando no mellor para Euskadi. O que non estará é o presidente da Generalitat de Cataluña, Pere Aragonès. Algo que critican dende outras comunidades.

Dous días antes da conferencia, que contará coa presenza do rei Filipe VI, este marrtes os portavoces dos Executivos catalán e vasco os que subliñaron as posturas dos seus respectivos presidentes, mentres que se pronunciaron sobre a importancia do encontro os máximos responsables de Galicia, Comunidade Valenciana, Canarias, Castela-A Mancha e Aragón.

Tras insistir en que Aragonès non acudirá á Conferencia de Presidentes, a portavoz do Govern catalán, Patrícia Plaja, lembrou que a relación do presidente da Generalitat co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, é "prioritariamente bilateral, non multilateral".

Pola súa banda, o portavoz do Gobierno Vasco, Bingen Zupiria, ademais de indicar que Urkullu aínda non decidiu se asistirá, explicou que o lehendakari está a analizar unha serie de cuestións para tomar esta decisión, como que este órgano, que tivo "altibaixos" desde o seu nacemento, "non existe no armazón xurídico-institucional do Estado".

Desde Ourense, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, criticou a ausencia do presidente catalán e situouna na súa liña estratéxica de "apartheid" político cara ao resto de España, aínda que asegurou que "xa estamos afeitos" a que a Generalitat só acuda "cando lle interesa".

O presidente valenciano, Ximo Puig, opinou que centrar o debate nas ausencias de Cataluña e País Vasco non ten "ningún interese", pois "en moitas ocasións desgraciadamente" non asistiron, e reiterou a súa proposta de que se institucionalice a Conferencia de Presidentes autonómicos porque España "é un país composto que necesita espazos federais de cooperación".

O presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page, manifestou que a Conferencia de Presidentes non pode ser "un pim, pam, pum a ver quen defende mellor o seu partido ou é máis abertxale", e comentou que se os independentistas non queren participar na arquitectura constitucional do Estado, o que ten que facer é "renunciar a presentarse ás eleccións xerais".

Tamén se pronunciou o presidente aragonés, Javier Lambán, para afirmar que as ausencias nas Conferencias de Presidentes son unha "falta de respecto" a Aragón e a todos cantos asisten por "lealdade" ao xefe do Goberno, á Constitución e á súa propia función como representantes do Estado. 

Noticias web

28/07/2021