A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil abre dilixencias polos vagóns tirados ao Sil
Publicado o 05/08/2020 17:26

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) abriu dilixencias previas para investigar e determinar os danos ao dominio público hidráulico causados tras precipitarse este domingo ao leito do río Sil dous vagóns do tren de mercadorías que descarrilou o pasado 28 de xullo en Sobradelo (Ourense).
Segundo informa o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), os servizos técnicos do organismo avalían as posibles afeccións á calidade das augas mediante mostraxes periódicas e a visualización de vídeos e fotografías de gardería fluvial.
Trátase, subliña o Miteco, de esclarecer os feitos e determinar os posibles danos ocasionados ao dominio público hidráulico e as súas zonas de protección e se estes fosen constitutivos de infracción da lexislación de augas, nese caso procederíase á incoación do correspondente expediente sancionador.
Segundo as pescudas realizadas pola CHMS, os vagóns serían empuxados de forma intencionada para que se producise a súa caída polo noiro, unha operación que non sería autorizable con esas características.
Tras o descarrilamento do tren de mercadorías que circulaba na liña Monforte-Ponferrada o martes 28 de xullo, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) levou a cabo diversos labores necesarios para a retirada do convoi e o restablecemento da circulación, subliña o comunicado do Miteco.
Na mañá do 2 de agosto, a CHMS recibiu unha comunicación da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) na que se informaba de que, como parte dos traballos de retirada dos vagóns descarrilados e dada a dificultade da súa recuperación, procedían por razóns de seguridade a deixalos caer cara ao leito para posteriormente recuperalos.
Debido a que dita operación non era viable desde o punto de vista ambiental na forma exposta, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil decidiu desprazar ao lugar a persoal de vixilancia con obxecto de recompilar información e realizar unha análise da situación, engade a nota.
O comunicado conclúe que esa mesma tarde se produciu a caída dos vagóns polo noiro cara ao leito para quedar depositados dentro do dominio público hidráulico, aínda que un deles alcanzou o leito de augas baixas e provocou o seu enturbamento momentáneo, polo que se procedeu a realizar unha toma de mostras das mesma.
Pola súa banda, Adif está a analizar a fondo todas as accións efectuadas durante as actividades de retirada do material descarrilado e, unha vez dispoñan de todos os datos, depuraranse, no seu caso, as responsabilidades pertinentes.
A prioridade de Adif neste momento "segue sendo retirar os vagóns descarrilados, así como reverter os danos que se puideron producir na contorna o máis axiña posible. Neste sentido, Adif atópase en permanente contacto coas autoridades ambientais".