CRTVG

Buscar

A Xustiza retoma a actividade lastrada polas carencias tecnolóxicas

Publicado o 12/05/2020 15:59

A pandemia de coronavirus segue limitando a actividade nos xulgados, aínda que algunhas vistas adiadas están sendo reprogramadas. Con todo, e de cara aos vindeiros meses, a Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial aprobou os criterios xerais para elaborar os plans de reinicio da actividade nos xulgados.

O persoal de xustiza irase incorporando ata o 2 de xuño, cando se prevé que poderá recuperarse a actividade ordinaria. Hai catro fases programadas na desescalada deste ámbito, que establece quendas de mañá e de tarde aínda que esta última será voluntaria e a atención ao público será só pola mañá.

Os funcionarios de Xustiza adoptarán as medidas de protección e seguridade doutros ámbitos (máscara, separadores), e priorizarase o traballo vía telemática tanto para a celebración dos xuízos coma os procesos administrativos, tal e como recomenda o Consello Xeral do Poder Xudicial.

O órgano de goberno dos xuíces recomenda recorrer, na medida do posible, a vistas e xuízos telemáticos, pero precisa que, tanto por razóns tecnolóxicas como orzamentarias, non vai ser posible esta alternativa de forma xeneralizada. De feito, procuradores e avogados denuncian falta de medios para que se poidan celebrar así os xuízos.

Polo de agora, o que se recomenda é priorizar os actos xudiciais urxentes e os que tiveran que ser adiados. 

Deberá deixarse, segundo as instrucións do CXPX, a criterio xudicial o sistema máis eficaz para poder realizar o maior número de xuízos posible, que -segundo os casos- pode ser combinar xuízos presenciais con outros telemáticos, aínda que o xuíz ou tribunal estará constituído na súa sede e garantirase a presenza dos medios de comunicación.

En Galicia, a comisión de seguimento da pandemia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) aprobou solicitar ás autoridades competentes renovar os prazos procesuais "canto antes" para poder axilizar a actividade xudicial.

 

 

e, entre outras medidas, recomenda a xuíces e maxistrados limitaren no posible as vistas e xuízos entre o 11 e o 31 de agosto. Ese período, en que normalmente se paraliza a actividade xudicial, foi declarado hábil este ano polo Goberno, pero varios colectivos profesionais do sector non o ven con bos ollos.

 

Noticias web

12/05/2020