CRTVG

Buscar

Dúas residencias e un hospital de Valladolid, en observación por un rebrote

Publicado o 17/06/2020 08:32

Os rebrotes son nestes momentos unha das principais preocupacións das autoridades sanitarias. O último produciuse en Valladolid e afecta a dúas residencias de maiores e a un hospital. Os outros, xa coñecidos, no País Vasco.

En Valladolid eses brotes provocaron arredor de 20 positivos en dúas residencias privadas e no hospital Río Hortega. Nun deses centros, un residente deu positivo e, ao se lle faceren tests a 55 contactos, apareceron cinco positivos máis. No outro centro, detectouse un contaxio nunha traballadora, e os tests atoparon outros 11 afectados.

Pola súa banda, no hospital Río Hortega deuse un positivo nunha paciente, que derivou no contaxio dunha traballadora e un cadro febril nunha segunda. As tres están illadas e en observación.

Na consellería de saúde de Castela León destacouse a rápida resposta do protocolo anticovid e advertiuse de que o virus segue circulando, aínda que agora se detecta máis axiña, e por tanto é importantísimo continuar coas medidas hixiénicas e de distanciamento social.

Dende a Junta de Castela e León afirman que están controlados. Mentres, o Ministerio de Sanidade está alerta ante os posibles futuros rebrotes. Salvador Illa apuntou que se non poder ser controlados o Goberno podería pensar en reactivar o estado de alama. 

Noticias web

17/06/2020