CRTVG

Buscar

A Xunta decide se Galicia será o primeiro territorio que finaliza o estado de alarma

Publicado o 12/06/2020 08:15

• O Consello do Goberno galego analiza a decisión na reunión desta mañá

• Núñez Feijóo defendeu que a situación da epidemia en Galicia é favorable e a taxa de contaxios é baixa

O presidente da Xunta admite preocupación pola apertura con Madrid e Barcelona

Hoxe saberase se o Goberno galego decreta a fin do estado de alarma en Galicia, tal e como avanzou o presidente da Xunta. Sería para o próximo luns e coñecerase despois da reunión ordinaria do Consello da Xunta, que se celebra este venres á mañá.

O presidente Feijóo anunciou esta semana que, se as circunstancias sanitarias eran favorables, o Goberno galego aprobaría a fin do estado de alarma na nosa comunidade, que sería así a primeira de España que dá por rematada esta situación extraordinaria.

A Xunta basea esta decisión en que a taxa de contaxio por cen mil habitantes nos últimos sete días en Galicia estivo no 0,4, mentres que no resto de España é dez veces superior, arredor do 4,2. Así pois, desde hai uns días Galicia é a comunidade española con menos contaxios de coronavirus.

Deste xeito, se todo se produce como está previsto, o vindeiro luns día 15 de xuño, Galicia será a primeira comunidade autónoma de España en que remate o estado de alarma decretado polo Goberno hai case tres meses, o pasado 14 de marzo.

 

Noticias web

12/06/2020