CRTVG

Buscar

Reinícianse algunhas clases presenciais para 2º de bacharelato e FP

Publicado o 25/05/2020 09:01

Os 14.800 alumnos de 2º de bacharelato e os 20.000 de 2º curso nos ciclos de FP poden volver desde hoxe voluntariamente ás aulas.

Os primeiros alumnos volveron aos centros escolares despois de dez semanas. A volta ás aulas nesta segunda fase da desescalada afecta o segundo curso de bacharelato e dos graos medios e superiores de Formación Profesional. E é voluntaria. Algunhas alumnas tiñas gañas de encontrarse coas compañeiras, outras de recibir clases presenciais.

Nos centros teñen que atender os que se van incorporando ás clases presenciais cos que seguen as materias telematicamente. Ana Fernández, directora do IES Manuel García Barros: "Este repaso quizais teña máis sentido despois da avaliación do día 9. Agora mesmo, os profesores temos que simultanear as clases presenciais coas telemáticas porque aínda temos que decidir a nota da avaliación."

Nese instituto da Estrada abriron hoxe, pero outros decidiron esperar ata mañá para estudar os protocolos con calma. Ana Fernández, directora do IES Manuel García Barros: "O Ministerio sacou unha normativa: que evitemos o papel, que non se comparta material, que non se compartan ordenadores. Desde o Ministerio e desde a Consellería mandaron unhas instrucións moi claras, ás veces, un pouco difíciles de cumprir porque tampouco temos tanto equipo informático, tanto material. Por iso, en vez de manter o horario habitual do curso, optamos por franxas horarias, alternar materias."

En ningún caso este regreso ás aulas suporá a impartición de novos contidos lectivos. Os centros reforzaron as medidas de protección para garantir a seguridade de alumnado, profesorado e persoal non docente. Así, deberase manter a distancia de seguridade, empregar máscaras se é necesario e haberá desinfeccións frecuentes.

Os centros de ensino permanecían pechados desde o pasado 16 de marzo, logo de que as clases quedaran suspendidas o 14 de marzo por causa da alerta sanitaria. Agora, está pendente de coñecer como será o remate do curso no resto de niveis educativos e, sobre todo, como será o inicio do próximo curso en setembro.

Coa entrada en vigor da segunda fase da desescalada, os centros permiten o acceso dos proxenitores para recoller o material escolar dos fillos. Organizaranse quendas para evitar aglomeracións.

 

 

Noticias web

25/05/2020