CRTVG

Buscar

Arredor de 400 reservas para visitar esta fin de semana as Illas Atlánticas

Publicado o 18/06/2020 09:04

Esta fin de semana as empresas navieiras retoman as visitas ás Illas Atlánticas coa posta en marcha de novo das travesías marítimas desde Cangas, Vigo e, máis adiante, Baiona e a Pobra do Caramiñal. As reservas van a bo ritmo e xa se tramitaron arredor de 400, pero desde a navieira Navia indican que aínda quedan prazas libres.

Os viaxeiros deberán adoptar o protocolo de seguridade tanto nas embarcacións, con distancia de seguridade e máscara, como nas propias illas que visiten, onde se pide tamén manter a distancia e evitar pararse demasiado tempo nos miradoiros.

Así mesmo, as embarcacións particulares poden solicitar o preceptivo permiso para fondear no parque nacional. Ata o de agora arredor de 80 embarcacións xa o fixeron.

Tanto Ons como as Cíes teñen un límite de visitas fixado en 1.300 e 1.800 persoas respectivamente para garantir a súa protección.

O reinicio das viaxes coincide coa apertura das fronteiras interiores da Unión Europea, coa excepción de Portugal, que queda para o 1 de xullo. O Goberno presenta hoxe o plan de rescate do sector turístico, que pretende promover un turismo sostible e seguro que equilibre e compatibilice o benestar dos residentes e o dos visitantes.

 

Noticias web

18/06/2020