Alcoa desoe as alternativas e segue adiante co plan de despedimentos en San Cibrao
• O comité denuncia "falta de vontade" da empresa e avanza mobilizacións
• Concentración en Viveiro en defensa da continuidade da factoría de San Cibrao
• Feijóo: "Sen o paquete de interrompibilidade o Goberno sentencia Alcoa"
Alcoa desoe as posibles alternativas ao proceso de despedimento colectivo e, cando rematan as tres semanas que a multinacional do aluminio fixou para as consultas informais cos traballadores, acaba de anunciar que o vindeiro 25 de xuño iniciará o proceso formal de despedimento de 534 traballadores da planta de San Cibrao, onde prevé deixar só en funcionamento a refinería de alúmina.
Segundo o comunicado difundido por Alcoa, desde hoxe e ata o 25 de xuño continuará as consultas cos representantes dos traballadores durante unha semana máis. Ademais, dálles sete días para designar os membros da comisión que participará nas negociacións do período de consulta formal, que a empresa fixa en 30 días.
A multinacional do aluminio argumenta, na nota difundida hoxe, que a planta "afronta unha serie de problemas que fixeron que a produción de aluminio primario sexa ineficiente e a operación da planta non sexa competitiva, e que causaron significativas perdas recorrentes, que se prevé que continúen".
O comité de empresa lamenta actitude da dirección e a súa "falta de vontade" á hora de buscar solucións que permitan garantir a viabilidade tanto da produción de aluminio como dos postos de traballo.
O comité asegura que o período informal de consultas que agora remata abriuno a empresa "coa decisión xa tomada sobre o futuro dos traballadores", e engade que "a maior proba é que non esperaron" a que se reunise a mesa multilateral convocada para o 23 de xuño, anunciando "oficialmente o inicio do proceso de ERE".
O comité tamén lamenta as formas da dirección, que anunciou esta decisión mediante unha mensaxe a todo o cadro de persoal, antes de que finalizara a propia reunión cos seus representantes e "sen tan siquera ter asinado o recibín do comité".
Con esta situación, a representación dos traballadores avanza que "a única saída é a implicación das administracións e a loita na rúa".
Esta mañá o comité de empresa reuníase de novo coa dirección para tratar de buscar solucións que garantan o mantemento da produción e dos postos de traballo. A representación dos traballadores amosou en repetidas ocasións a súa preferencia por unha intervención pública temporal dunha empresa que presta servizos esenciais na industria, como quedou patente durante o estado de alarma cando a factoría non deixou de traballar.
O Goberno central, pola súa banda, asegura estar buscando investidores e insta a empresa a tomar decisións. A ministra de Industria, Reyes Maroto, esixiulle que, de non apostar pola continuidade da produción, deixe paso a outros investidores.
Pola súa banda, a Xunta propuxo onte que parte dos fondos da UE que lle corresponden a Galicia se destine a un préstamo participativo para Alcoa.