A fase 2 xa permite tomar café no interior dos bares ou comer en restaurantes
Volven os clientes ao interior de bares e restaurantes con menos da metade da ocupación, pero, ademais, cun cambio en moitos dos nosos hábitos.
Por exemplo, non poderemos consumir nada nas barras. Terá que ser nas mesas, gardando a distancia de seguridade e cunha capacidade do 40% no interior dos locais, e do 50% nas terrazas.
Desaparecen elementos comúns que adoitaban compartirse como os panos de mesa ou os palillos e tamén as bandexas con petiscos.
Pablo Cabana, propietario dun restaurante compostelán, di que xa teñen carteis e que quitaron das mesas "todos os elementos auxiliares, panos, recipientes, menús...". Engade que tentan "darlle confianza á xente para que retome o seu día a día".
"Funcionou moi ben o tema da comida para levar", apunta o propietario. "Vimos unha forte demanda e entendemos que vai seguir así, porque durantes estes días tivemos moitísimos pedidos", engade.
"Xente que estaba acostumada a vir ler o periódico cun café... Pois agora, o café pode telo, pero, de momento, para o periódico temos que esperar un pouquiño", di Pablo Cabana, referíndose aos cambios nos hábitos dalgúns clientes.
Pero malia esa cautela, hai quen prefire camiñar lentamente cara á nova normalidade, e opta por quedar na terraza.
Din os hostaleiros que será un verán complicado, que esperan salvar, en parte, grazas á clientela local.