A Comisión Europea quere abrir xa as fronteiras interiores o 15 de xuño
A Comisión Europea (CE) propuxo este xoves aos estados membros da Unión Europea que vaian abrindo gradualmente as súas fronteiras internas a partir do próximo luns 15 de xuño e que prolonguen o peche das externas polo menos ata o 1 de xullo.
"Dado que a situación sanitaria en certos terceiros países segue sendo crítica, a Comisión non propón un levantamento xeral das restricións de viaxe nesta etapa", indicou o Executivo comunitario nun comunicado.
A CE propón que a partir do 30 de xuño se abran as fronteiras para os Balcáns occidentais (Albania, Bosnia e Hercegovina, Kosova, Montenegro, Macedonia Norte e Serbia), pero non cita especificamente ningún outro país.
A maioría dos países da UE ten previsto abrir as súas fronteiras internas a outros países da Unión non máis tarde do 15 de xuño e a Comisión "alenta encarecidamente" ao resto, como España, a eliminar as restricións á libre circulación e levantar os controis fronteirizos internos "antes do 30 de xuño".
Os líderes dos Estados membros da UE acordaron o pasado 16 de marzo o peche temporal das fronteiras externas da Unión durante un período de 30 días, que se foi prolongando desde entón ata polo menos o próximo 15 de xuño.
Bruxelas considera que os membros da UE agora deben seleccionar xuntos os terceiros países aos que se lles abran as fronteiras para partir do mes de xullo e de forma gradual.
E sostén que esa relaxación das medidas debe acordarse sobre a base de "criterios obxectivos como a situación sanitaria, a capacidade de aplicar protocolos de contención durante a viaxe e consideracións de reciprocidade", tendo en conta que, unha vez dentro da UE, os cidadáns poden moverse libremente dun Estado a outro.
"Os estados membros deben adoptar esas decisións de forma coordinada para garantir a súa aplicación uniforme en toda a UE", engade a Comisión, que sinala que se trataría dun "proceso dinámico" sometido a futuras actualizacións en función da evolución da pandemia de coronavirus.
Con todo, a comisaria europea de Interior, Ylva Johansson, dixo nunha conferencia de prensa que supón que "vai ser moi difícil facer isto dunha maneira coordinada".
Para os países que queden fóra dese grupo ao que se lle retiren as restricións, o Executivo comunitario pide que se consideren exentas certas categorías de viaxeiros, por exemplo, estudantes internacionais ou profesionais altamente cualificados necesarios para a economía, precisa a Comisión Europea.
Os cidadáns da UE, dos países do espazo de libre circulación Schengen e os estranxeiros que residan legalmente na UE, así como os membros da súa familia, tamén "deberían estar exentos da restrición de viaxe independentemente de se están a regresar ou non aos seus fogares, como era o caso ata o de agora", agrega a CE.
"As restricións deben seguir aplicándose para os países cuxa situación sexa peor que na UE", agrega a CE, que propón un "mecanismo de coordinación" para apoiar na desescalada fronteiriza aos Estados membros da UE e os que forman parte do espazo Schengen, como Islandia, Noruega, Suíza ou Liechtenstein.
Bruxelas subliña que os países da UE sempre poderían rexeitar a entrada dun cidadán non europeo que supuxese unha "ameaza para a saúde pública, mesmo se viñese dun país para o que se levantaron as restricións".
A Comisión lembra que a maioría dos 27 estados membros da UE decidiu suspender o proceso de entrega de visados, que afecta a 105 países, como parte das medidas para conter a pandemia e pide que as capitais se "sincronicen" para renovar eses procedementos en consonancia coa apertura de fronteiras.
Por último, Bruxelas sinala que se os Estados membros decidisen aplicar controis sanitarios, conviría efectualos no momento de viaxar ou pouco antes, e non ao solicitar o visado e subliña que deberían aplicarse por igual a todos os viaxeiros dunha determinada localización, sen ter en conta a súa nacionalidade ou o status do seu visado.