A revista
Coñecemos o proxecto de recuperación do bosque autóctono do monte veciñal de Froxán
Visitamos unha das catro áreas europeas recoñecidas pola ONU polo traballo que fai a comunidade na xestión e a conservación do territorio. É un monte veciñal de Lousame onde se está a recuperar un patrimonio ecolóxico, cultural e social importante. Os comuneiros confían en que iso tamén vai mover a economía local.
Esta é a aldea de Froxán, no concello coruñés de Lousame. Hoxe ten cinco 'casas abertas', que é a condición que lles dá dereito sobre o monte que os rodea. Son cen hectáreas que os veciños recuperaron a finais dos anos 70, pero non foi ata 2002, ao remate dos convenios coa Administración, cando se fixeron coa xestión do monte. Catro anos despois enfrontáronse a un lume que chegou mesmo ao pé das casas, e foi aí cando decidiron dar un xiro e reordenar este territorio.
Naquel incendio, coma no de 2016, salvaron a aldea grazas a esta carballeira que a rodea. Ten uns trinta anos, e ata agora era unha masa mixta con piñeiros ou eucaliptos mesturados cos carballos. O ano pasado decidiron eliminar todas as especies exóticas para ver de reforzar as frondosas autóctonas.
O obxectivo é eliminar o eucalipto, a dúas velocidades: os pés que rodean a aldea e as masas espontáneas son os primeiros en ir fóra; e só respectarán a quenda de corta das árbores que teñan maior valor comercial.
As cortas de madeira van dando algún carto para sufragar as novas plantacións, pero non abonda. Por iso puxeron en marcha unha campaña de micromecenado para captar fondos, e fan rogas á poboación para que veñan colaborar no proxecto. Levan replantado dúas hectáreas, pero o obxectivo do proxecto #oteubosque está fixado nas dez hectáreas e as 13.000 árbores 'amadriñadas'. Ademais, están estendendo esta experiencia. En colaboración coa asociación local Coluna Sanfins e a ecoloxista Verdegaia, a comunidade participa na creación de 'brigadas deseucaliptizadoras' para recuperar terreos para o bosque autóctono.
Recuperar o terreo para as especies autóctonas é só unha parte da recuperación que están facendo aquí. A idea é restaurar todo o patrimonio natural e cultural que ten o monte, e niso traballan. Un labor que recoñeceu nin máis nin menos que a ONU, incluíndo este monte de Froxán no rexistro internacional ICCA, que son áreas naturais gobernadas e conservadas por pobos indíxenas e comunidades locais.
De momento só hai catro territorios ICCA en Europa, e dous son montes veciñais galegos, este de Froxán e o de Santiago de Covelo en Pontevedra.
Esta figura de protección aínda non está recoñecida na nosa lexislación, pero xa lles serviu, como pouco, para que se lle preste máis atención ao traballo que se fai aquí. Grazas a el acaban de gañar outro concurso organizado pola Asociación Europea de Conservación Exterior, no que participaban 150 proxectos de todo o mundo.