CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Coñecemos como se preparan os psicólogos para actuar en catástrofes e urxencias

Publicado o 02/03/2018 21:06


Comunicar as malas noticias durante unha catástrofe ou urxencia nunca é prato de bo gusto, pero alguén ten que facelo. Máis de 30 psicólogos asisten dende hoxe a un curso de formación para facerse coas mellores ferramentas ante estas situacións. O seu traballo é tan importante que pode variar as consecuencias posteriores de quen sofre unha traxedia.



Transmitir ben unha mala noticia nunca vai quitar a dor, pero si pode axudar a que a persoa se faga cargo da situacion e poida sobrelevala da mellor maneira, porque ante catástrofes e urxencias, a vida muda. Nesta atención, o apoio familiar e social vólvese imprescindible.



As reaccións da persoa que recibe a mala noticia, que pode ser desde un falecemento a calquera outro contratempo ou trauma, son incontrolables. As emocións varren toda lóxica, por iso é tan importante que os especialistas estean axeitadamente formados. Por iso os profesionais reciben de bo grao esta formación.



Estes grupos de intervención actúan en catástrofes ou urxencias a grande escala, pero tamén acotío noutras situacións que poden ser igual de complicadas a nivel emocional. Do seu traballo dependen tamén as consecuencias posteriores dos trastornos psicolóxicos.



Todos temos as ferramentas para poder afrontar e superar calquera catástrofe, só é cuestión de desatrancalas. A formación está organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e desenvolverase durante varias fins de semana na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela.

Telexornal Serán

02/03/2018