CRTVG

Buscar

Coñecemos coa profesora Chus Rodríguez o curruncho de San Pedro de Rocas, en Esgos

Publicado o 11/01/2019 12:25

Quen lle ía dicir a Chus cando aos 18 anos veu de visita desde o seu Madrid natal a Galicia e coñeceu San Pedro de Rocas que este lugar ía ser premonitorio na súa vida? Máis de 20 anos despois, Esgos converteuse na súa residencia e segue felizmente emparellada co mozo da adolescencia co que visitou o mosteiro. Chus asegura que o lugar segue a sorprendela como o primeiro día e é, desde aquela, un dos seus currunchos favoritos. 

Madrileña de orixe galega, a profesora Chus Rodríguez acabou vivindo en Esgos e pertence a varias asociacións musicais e veciñais como a agrupación Os do Fuelle, en que toca o acordeón.

Cóntanos que San Pedro e Rocas lle parece máxico desde que o coñeceu aos 18 anos nunha visita a Galicia desde o seu Madrid natal. Creo así pola súa localización agochada, porque o encontras de súpeto e porque sorprende sempre.

Ademais, este lugar foi para ela premonitorio. Naquela primeira visita, acompañábaa un mozo da zona que agora, tantos anos despois, é o seu home e acabaron vivindo aquí, en Esgos. Sempre que vén mira para a espadana e lembra unha foto que fixeron nela.

A Chus gústalle vir cos cans e baixar á fonte da San Bieito, por un camiño romántico cheo de silencio e tranquilidade, en que se encontra en harmonía coa natureza. Ela confésase enfeitizada por Rocas e ese embruxo, di, é o máis importante porque declara que é feliz aquí.

Fálanos da igrexa anterior ao século VI e das tumbas antropomorfas entre as que, ás veces, asegura que sente o paso dos monxes que viviron e morreron en San Pedro. Para Chus, Rocas é maxia, embruxo e misterio.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2019