CRTVG

Buscar

Coñecemos a historia de Felipe, de 40 anos, tras pasar 21 días na UCI do CHUO

Publicado o 12/08/2021 14:20

• O apoio psicolóxico é vital no proceso de recuperación dos pacientes de covid-19

40 anos, deportista, sen patoloxías previas e tres días antes de ser vacinado, Felipe tivo que entrar por Urxencias no hospital de Ourense. Tiña unha pneumonía bilateral provocada polo coronavirus e apenas unha inspiración e expiración bastaron para derivalo de inmediato á UCI.

Acaba de pasar a planta, con 20 quilos menos, case un por cada 21 días que pasou en coma inducido. Rehabilitación ou fisioterapia respiratoria están agora na axenda de Felipe. Pero igualmente importante para avanzar cara ao seu restablecemento é a recuperación psicolóxica, e aí entran en xogo as profesionais que traballan non só con el, tamén con toda a súa familia.

"O que máis boto de menos é tocalos, que aínda non lles puiden dar un bico nin abrazalos, pero polo menos podo velos, porque non puiden falar con eles como agora, que estiven na UCI", asegura. 

Ese apoio psicolóxico xoga un papel fundamental na recuperación. As psicólogas serven, ademais, como enlace entre o paciente e os seus nunha situación de illamento que é tan dura tanto emocional como fisicamente. Unha situación en que poder soprar as candeas do aniversario da avoa, amosarlles como medra a barba ou anunciarlle á familia que hoxe, por fin, puido ir sen axuda ata a ducha son as verdadeiras cousas importantes na vida.

"Cando tes un pé no outro barrio, por dicilo literalmente, o que lembras, o que valoras e do que só era consciente cando estaba intubado era de que a miña familia estaba loitando por min, e agora son eu o que ten que terminar esa loita", salienta. 

Noticias web

12/08/2021